Todo comezou cando a Biblioteca escolar fixo a súa programación cun tema moi peculiar: "Piratas". A proposta parecía interesante. Pero...como entrar no mundo pirata a través das Matemáticas?...Mergúllate neste blog e verás como facelo.



jueves, 17 de diciembre de 2009

AS NOSAS LIBRETAS


Despois dun trimestre de traballo queremos amosar parte do que temos feito e recollido nos nosos cadernos. Iste non é o único recurso co que contamos, tamén facemos fichas, buscamos información en internet e manipulamos outros materiais como básculas e pesas, transportador...

Pero a libreta persoal é o noso tesouro particular, nela están os apuntes, esquemas, actividades...en fin, a guía que precisamos para aprender a aprender.

Preme na fotografía para ver unha mostra.



domingo, 13 de diciembre de 2009

TRABALLAMOS DESDE O BLOG

Hoxe imos buscar as actividades no blog. Esta última semana estivemos traballando cos ángulos: coñecemos o sistema sesaxesimal, transformamos as medidas de forma complexa a incomplexa, calculamos sumas e restas...e agora imos resolver problemas.

Preme no temón e copia as actividades no caderno. Non te preocupes polos debuxos, proporcionarachos a mestra. Só terás que recortalos e pegalos. Obsérvaos con calma, neles está a clave para atopar a solución.

Ánimo piratas!

lunes, 7 de diciembre de 2009

MEDINDO ÁNGULOS

O Club de Lectura "Pedra dos Corvos" formado polos seis piratas da illa da Esperanza está reunido no seu local social: a caseta do Vagabundo.


Observa ben a ilustración. Daste conta dos ángulos que forman os libros cos andeis?...E o ángulo do marco da porta?...Fixácheste no da esquina da mesa?...E os ángulos que forman a apertura dos libros dos piratas?...Observa o cóbado dereito do Vagabundo, canto medirá o ángulo que forma polo lado interno?

Todas estas cuestións e algunhas máis podes consultalas premendo na fotografía.





A RAÍZ CADRADA

"Dende aquel día o Vagabundo foi un amigo máis entre nós. Dicía sempre que eramos como os mariñeiros dun vello barco e debiamos permanecer unidos como unha tripulación que levase moito tempo navegando xunta..."


Este fragmento está sacado da páxina 31 da novela "Os piratas da illa da Esperanza". O vello barco sirveunos para facer un mosaico e, a partir del, entender o sentido da raíz cadrada.


Preme no galeón para ver o noso traballo.

O ESPAZO: SITUACIÓN NO PLANO



Este plano corresponde á caseta do "Vagabundo". Na páxina 28 da novela aparece descrita: "O caseto contaba cun só cuarto e nel había unha cama, unha mesa, unha cadeira, un andel con libros, un armario, un vertedoiro e unha cociña. En realidade si que había outra peza, un baño moi pequeno".

Partindo deste texto e das actividades que podes ver premendo na fotografía, traballamos a localización dos elementos nun plano e, coñecendo a dimensión da caseta, calculamos a medida dunha baldosa utilizando o máximo común divisor. Finalmente debuxamos no caderno unha baldosa a tamaño natural.

miércoles, 25 de noviembre de 2009

QUE PODEMOS FACER CO MÍNIMO COMÚN MÚLTIPLO?




Preme no mapa e comproba o que fixemos nunha clase:

1º) Calculamos o mínimo común múltiplo para completar catro coordenadas.

2º) Localizamos neste mapa as coordenadas que correspondían a un tesouro soterrado.

3º) Averiguamos en que coordenadas era máis doado ou complexo atopar o tesouro.

martes, 24 de noviembre de 2009

O MAPA DA ILLA DA ESPERANZA



Queres ver o que se pode facer cun mapa?
Calculamos a superficie da illa contando as unidades cadradas...
Expresamos o resultado en distintas unidades de superficie...
Debuxamos a illa nunha escala máis reducida...
Para máis información clica no mapa.

martes, 17 de noviembre de 2009

ASÍ RESOLVEMOS PROBLEMAS





Primeiro lemos un anaco de novela e subliñamos as palabras ou expresións que están relacionadas co tema que estudamos.

Neste caso tocou resolver un problema con moitas cuestións. Preme no cofre do tesouro e verás un exemplo de ficha de traballo.

lunes, 16 de noviembre de 2009

PRIMEIRO CONTACTO COS PERSONAXES DA NOVELA

Este é o Vagabundo, un dos personaxes da novela, que xunto a cinco rapaces (Xan, Uxía, Mario, Luísa e Lola) vai na busca do tesouro agochado na illa da Esperanza.

Se queres saber como coñecemos ós protagonistas, clica na fotografía.

jueves, 12 de noviembre de 2009

PROXECTO 2009-2010

Todo comezou cando a Biblioteca escolar fixo a súa programación cun tema moi peculiar: "Piratas". A proposta parecía interesante. Pero...como entrar no mundo pirata a través das Matemáticas? Pouco a pouco a idea foi madurando e collendo forma. Só había que buscar materiais e adaptalos para que os contidos matemáticos de 6º tiveran algo que ver co tema en cuestión.


E así foi como apareceu o fío conductor que precisabamos: a novela "Os piratas da illa da Esperanza" do escritor muxián X.H. Rivadulla Corcón. Esta obra de temática mariñeira sobre a lealtade e a amizade constitúe a base da programación de Matemáticas deste curso para 6º de Primaria. E permite non só afondar no mundo das cantidades, dos espazos e formas, do tratamento da información e azar, senón tamén nos temas transversais: educación para a saúde, para o ocio e tempo libre, para a paz...


Corcón xa sabe que estamos utilizando a súa novela na aula, e accedeu a compartir con nós unha xornada. No segundo trimestre visitará o centro e manterá unha charla co alumnado do 3º ciclo.