Todo comezou cando a Biblioteca escolar fixo a súa programación cun tema moi peculiar: "Piratas". A proposta parecía interesante. Pero...como entrar no mundo pirata a través das Matemáticas?...Mergúllate neste blog e verás como facelo.



domingo, 6 de junio de 2010

PROBLEMAS E OPERACIÓNS


Lisa Smollet entrou na mansión de Silver Long por unha xanela, atopou o tesouro e encheu un saco con dobróns de ouro...
Que imos facer hoxe?
-Calcular a porcentaxe de cada compoñente mesturado para facer un bebedizo e conseguir información dun membro da garda de Silver Long.
-Situar a mansión de Silver Long nuns eixos de coordenadas utilizando números enteiros.
-Calcular a superficie e perímetro da xanela pola que Lisa entrou na mansión.
-Calcular a lonxitude e a área do dobrón que aparece na fotografía.
Imos alá! Lembra premer na fotografía.

domingo, 30 de mayo de 2010

REPASANDO CONCEPTOS


Nós seguimos indo pola caseta. O señor ferraxeiro deixou todo alí como estaba, cos seus libros no andel. (.....) Os que puidemos salvar repartímolos e cada un levounos para a súa casa. (....) ...seguimos a navegar no Praia de Quenxe por todos os mares do globo.
A novela está rematando, e os piratas xa están facendo balance da súa aventura. Nós, un pouco coma eles, imos repasando os conceptos que practicamos ó longo do curso. Esta vez fixarémonos nas baldosas da caseta do Vagabundo e calcularemos a superficie da mesma. Tamén elaboraremos unha táboa de datos para clasificar os libros por cores e averiguaremos que cor representa a moda. Axudándonos das potencias calcularemos o número de poemas que hai nos libros dun andel. Logo propoñeremos distintas solucións ó reparto dos libros, e por último compararemos o globo terráqueo cun corpo xeométrico similar.
Preme na fotografía e...ánimo coas actividades!

viernes, 28 de mayo de 2010

CORPOS XEOMÉTRICOS REDONDOS

O pai de Xan e Uxía é armador, dono de tres barcos, xa o contei, e en agradecemento ofreceulle un traballo ao Vagabundo.
Xa sabedes, piratas, os barcos do pai de Xan e Uxía están atracados no porto de Muxía. Fíxate na fotografía do peirao: que forma teñen as boias dos barcos?...e esas columnas negras?...como se chama o corpo amarelo que coroa as columnas negras?
Preme na fotografía para facer o traballo de hoxe.

jueves, 27 de mayo de 2010

PRISMAS E PIRÁMIDES

Por fin hai unha posibilidade de que o capitán do "Praia de Quenxe" poida salvarse. É moi probable que a médula do Vagabundo sexa compatible, sen embargo os adultos falan do tema como...A médula atopada! Como se alguén a atopase de súpeto tirada na rúa ou esquecida nun armario do hospital...

Quedarémonos coas últimas palabras "armario do hospital"...que forma ten? Pois de prisma...Estupendo! A partir de aquí comezaremos a estudar os corpos xeométricos. Botádelle un ollo a esta película, nela está recollido o traballo de varios días: construímos un prisma e unha pirámide e debuxámolos na libreta escribindo o nome dos seus elementos. Logo manipulamos prismas e pirámides para contar as súas bases, arestas, vértices e caras laterais. Primeiro fixémolo con corpos xeométricos de madeira, probablemente como os que utilizaron os nosos pais cando estaban na escola. É importante coñecer o que había antes para saber valorar o que temos agora. Logo usamos prismas e pirámides de plástico transparente.

lunes, 17 de mayo de 2010

PASEO MATEMÁTICO POLO COUREL

Esta vez os piratas da Illa da Esperanza cambiaron o mar pola montaña, e da man de Uxío Novoneyra deron un paseo matemático polo Courel:

Terras altas e craras da Lucenza

onde se ollan cerca as serras lonxanas!

Voan as aigas cas áas abertas

levando a sombra polas penas

brancas

i as erbas douradas e sanguiñentas.

Eu son esto que vexo e que me vei:

Cebreiro! Faro! Iribio! Cervantes!

Ancares!

Capeloso!

Montouto! Rebolo!

Cumes mouros do Courel!

Serras longas

de Oencia e Val di Orras!

O cor

preso no silencio antergo dos tesos

sólo sinte a presencia do sol...

Inmensidade da terra i o ceo.

Preme no vídeo para ver o itinerario que percorreron e o tempo que lles levou a viaxe.

sábado, 1 de mayo de 2010

ACTIVIDADES CON JCLIC

Na aula de informática, e compartindo os ordenadores por parellas, repasamos conceptos xeométricos con actividades do jclic. Preme nos vídeos para ver como traballamos os elementos da circunferencia e do círculo, e como calculamos a lonxitude da circunferencia.

Se queres probar ti mesmo, aquí tes os enlaces para as actividades:

-Actividades de matemáticas para 6º de primaria

-Circunferencia

-Geoclic

círculo e circunferencia

PRACTICANDO A LONXITUDE DA CIRCUNFERENCIA

A enfermidade de Xan era leucemia...e só había unha maneira de que curase: facerlle un transplante de médula ósea.

A tripulación do Praia de Quenxe teno moi claro: hai que zarpar en busca dese prezado tesouro para salvar ó seu capitán. Deben preparar o barco e comezarán por revisar os seus aparellos, como este vello barómetro.
Que forma ten?... Que figura forma o borde de madeira?...Cal será o seu diámetro?...Canto medirá a súa lonxitude?...Preme na fotografía se queres averiguar como traballaron sobre este tema os piratas de 6º.
Unha curiosidade: este barómetro pertenceu ó buque "BANORA" que naufragou na costa de Muxía no ano 1963. Un dos personaxes desta novela, o ferraxeiro (Ucho Haz), fíxose con el, restaurouno e o ten na súa casa. Os piratas de 6º poidemos facer esta actividade de matemáticas porque o ferraxeiro nos prestou o barómetro. Moitas grazas.

sábado, 24 de abril de 2010

A LONXITUDE DA CIRCUNFERENCIA



"Por fin reuníronnos a nós. Foi no colexio, estabamos os catro..."

Parte da tripulación do Praia de Quenxe reúnese no colexio coa profesora da biblioteca e coa directora para escoitar unha explicación sobre a delicada saúde de Xan, o seu capitán. Como será a mesa arredor da que se sentaron nesa reunión?...

...Imaxinemos que é redonda e ten 1,5 metros de diámetro.

Mergúllate con nós neste vídeo e investiga no cálculo da lonxitude da circunferencia.

Grazas Begoña de Lires pola túa colaboración neste traballo.

lunes, 19 de abril de 2010

UTILIZAMOS A PDI (PIZARRA DIXITAL INTERACTIVA)

"O señor ferraxeiro levoulle un termo con café e tabaco de pipa, así que sentaron os dous e mais o cabo da Garda Civil, que casualmente era amigo de vello do dono da ferraxería."

...Un termo con café..., se poñemos o termo enriba da mesa e cun lapis rodeamos o seu contorno...que figura queda debuxada? Efectivamente! Chegou a hora de diferenciar a circunferencia do círculo e falar dos seus elementos. Utilizando como recurso a pizarra dixital, faremos estas actividades:
62









View more presentations or Upload your own.


Deste xeito imos trazando e nomeando diámetros, raios, cordas, arcos, semicircunferencias e semicírculos. Non é tan complicado.
Rubén debuxa unha corda e o seu arco.


Rocío colorea un semicírculo.




Jessica busca a relación entre o diámetro e o raio para calcular o valor do último.

viernes, 9 de abril de 2010

CALCULANDO ÁREAS

"Estabamos fronte a unha praia, que hoxe sei que é a praia de Lariño, pero aquel día para nós foi a illa da Esperanza.

...Como xa vos contei, chegou a Garda Civil...Os pais de todos estaban como enlouquecidos..."

Foi boa a que armou a tripulación do Praia de Quenxe. Sacaron ó seu capitán do Hospital e roubaron un barco para achegarse á illa da Esperanza. Por iso houbo que avisar á Garda Civil. Os pais tamén foron desde Muxía a Lariño para recoller ós rapaces.

E nós, que facemos no medio de todo isto? Pois moi sinxelo. Buscaremos no google maps a situación de Lariño, comprobaremos a distancia que hai e o tempo que leva percorrela. Logo, unha vez en camiño, botaremos un ollo ós sinais de tráfico, tomaremos medidas e calcularemos a súa superficie.

E por suposto, darémoslle unha voltiña á educación vial. Esta é unha boa ocasión para lembrar o significado dos sinais e a necesidade de respectalos.

jueves, 25 de marzo de 2010

ÁREA DO RECTÁNGULO E DO TRIÁNGULO



"Neste barco síntome curado". Así decía Xan mentras navegaban no galeón "Praia de Quenxe" rumbo á illa da Esperanza. E como os piratas de 6º embarcámonos con el nesta aventura, hoxe, desde a cuberta, imos estudar un pouco máis os elementos do barco. Aproveitando que o vento sopra con forza e as velas están despregadas, calcularemos a súa superficie...vexamos:
As velas do galeón teñen forma rectangular e triangular. Cada unha das rectangulares mide 3,5 m de base e 30 dm de altura. A vela triangular mide 200 cm de base e 293 cm de altura. Calcula a superficie que ocuparán as cinco velas xuntas.

domingo, 21 de marzo de 2010

SITUAMOS NÚMEROS ENTEIROS NOS EIXOS DE COORDENADAS

"Pasamos fronte a Cee, Ézaro, O Pindo, Quilmas, Caldebarcos, Carnota, Monte Louro, Lira e chegamos incluso ata Fisterra"

Os piratas, no galeón "Praia de Quenxe" navegan en busca da illa da Esperanza, preto da costa. Co mapa que aparece nesta presentación poderás localizar os lugares por onde van pasando. A tripulación de 6º, para situar todos estes puntos, utilizou os eixos de coordenadas e os números enteiros.

Preme na presentación e pasa as diapositivas para ver o noso traballo.

domingo, 14 de marzo de 2010

VAI UNHA DE NÚMEROS ENTEIROS

"Xa pasaba de media noite cando decidimos deitarnos. Antes de marchar para o meu camarote pasei pola ponte para ver como lle ía ao Vagabundo..."

Sabías que os camarotes e a ponte do barco non están ó mesmo nivel? Imaxina unha liña vertical desde o punto máis alto ó máis baixo do galeón. A ponte ocuparía o nivel cero (0) desa liña, os camarotes o menos un (-1). Preme na fotografía e comproba a utilidade dos números enteiros, aprende tamén a representalos nunha liña horizontal e noutra vertical.




viernes, 12 de marzo de 2010

MARZO: MES DA POESÍA

Estes días fixemos algo máis que "abordar" as matemáticas. Probamos coa poesía, e gustounos. Aquí tedes unha mostra do que podemos facer combinando a piratería coa matemática. Premede en cada unha para poder lelas con máis facilidade.























domingo, 28 de febrero de 2010

MULTIPLICAMOS FRACCIÓNS


"Quince homes sobre o arcón do morto...
¡Io-ho-ho, e unha botella de ron!
A bebida e o demo fixeran o resto...
¡Io-ho-ho, e unha botella de ron!"
Cambiemos as botellas por barriles, e sabendo que en cada un hai 2/4 hl de ron, calculemos os hl totais. Pero nesta ocasión non imos utilizar a libreta, senón que, por parellas usaremos o ordenador. Fíxate ben e le con atención os pasos a dar:
1º) Preme na fotografía para visualizar a ficha.
2º) Descarga a ficha e gárdaa nun arquivo do ordenador.
3º) Co programa "zamzar" convirte a ficha en pdf nun documento de word (doc).
4º) Envía ese documento ó teu e-mail.
5º) Abre o teu e-mail, localiza a ficha e gárdaa no arquivo anterior.
6º) Fai os exercicios na ficha e ó finalizar envíaa ó e-mail da profesora: mestrademate@gmail.com
Ánimo piratas!

sábado, 20 de febrero de 2010

ATREVÉMONOS COAS FRACCIÓNS

"Unha tarde leváronnos ao hospital. Fomos moi contentos, por fin iamos ver o capitán John Pelo Crecho, pero ao chegar, antes de velo, eu púxenme moi nervioso, pareceume que tería que ser terrible estar naquel lugar encerrado"
Mario, Lola, Luísa e Uxía van visitar ó seu capitán. Para animalo leváronlle un libro: "A Illa do Tesouro"...pero, que máis se lle pode levar a un amigo para que se recupere? Nesta ocasión ós nosos piratas ocorréuselles merendar con Xan e para iso levaron unha fonte con filloas. Con esta visita déronse conta do que é unha enfermidade grave: o seu aspecto físico cambiara moito por mor da medicación...
Imos aproveitar esa fonte de filloas e a medicación de Xan para traballar coas fraccións. Anímaste? Preme na fotografía e calcula con nós.

jueves, 11 de febrero de 2010

APLICANDO OS COÑECEMENTOS NA VIDA COTIÁ

Esta sesión de traballo fixémola na biblioteca, xa que precisabamos traballar por parellas buscando información en internet e no propio blog de matemáticas.


Comezamos localizando no blog a entrada de AZAR E PROBABILIDADE, onde atopamos o guión do que debiamos facer.


A continuación co google maps descubrimos os traxectos posibles de Muxía a Cee e anotamos a distancia e o tempo que leva percorrelos.


Despois recortamos un mapa similar e o pegamos no noso caderno.
Fixemos os cálculos precisos para cambiar de unidades a distancia e o tempo.

Consultando o mapa enunciamos sucesos seguros, posibles e imposibles que tiveran relación co traxecto sinalado.

E por suposto, traballando en equipo, que é o mellor xeito de compartir ideas.











martes, 9 de febrero de 2010

AZAR E PROBABILIDADE


CAPÍTULO 8

LEVARON O NOSO CAPITÁN

Aquela ambulancia saíu da vila de Muxía cara ao hospital comarcal de Cee...

Suceso seguro, posible, imposible... traballemos o azar e a probabilidade a través desta pequena viaxe de Muxía a Cee.

Preme na fotografía e sigue as instruccións: le as páxinas 51 e 52 da novela, busca información no google maps e...a pensar pirata!

A VISITA DE "CORCÓN"






O venres 5 de febreiro, X. H. Rivadulla "Corcón", autor da novela "Os piratas da illa da Esperanza" estivo con nós.

Todo o alumnado do 3º ciclo mantivemos con el unha charla moi amena. Contounos cousas da súa vida como escritor, das obras que ten publicadas... especialmente desta que estamos a utilizar os de 6º, contestou multitude de preguntas e asinou todas as nosas novelas. Foi xenial!

Aquí podedes ver algún momento dese encontro. Tamén podedes visitar o blog da biblioteca onde atoparedes máis información.

Grazas Corcón... e agardamos verte de novo por este colexio.

miércoles, 27 de enero de 2010

E HOXE...DE COMPRAS

"Unha vez deixabamos a Silver abandonado nunha illa deserta; outra o capitán John Pelo Crecho casaba coa primeira oficial Lisa Smollet; outra o escritor Mario Stivenson aprendía a linguaxe dos golfiños para escribir a súa historia (...); tamén unha vez unha tribo de indios nomeaba xefa á doutora Uxía Livesey..."

Para recrear as situacións do parágrafo anterior que aparecen en vermello, foi preciso mercar algún material...Puf! Que lío! Algúns artigos están rebaixados e a outros hai que engadirlles o I.V.E. Preme na camiseta e anímate a resolver os problemas. Nós xa o fixemos en pequeno grupo.



AS PORCENTAXES

CALCULANDO DESCONTOS...


"Xa tiñamos visto obras de teatro..."


Pois si, agora imos ó teatro, pero antes diso temos que facer contas. O prezo das entradas varía según a idade que teñamos, e non é o mesmo ter menos de 11 anos que estar entre os 11 e os 15, ou ter máis de 15.


Preme na fotografía se queres saber o desconto que debemos aplicar según a idade.

domingo, 17 de enero de 2010

RESOLVEMOS PROBLEMAS CO SISTEMA SESAXESIMAL

Aquí estamos os piratas de 6º desenvolvendo as nosas competencias.

Tratamento da información e competencia dixital: localizamos no blog as actividades a realizar.

Competencia lingüística: lemos os pasos a seguir e copiamos os problemas na libreta.

Social e cidadá: participamos, tomamos decisións dentro do grupo respectando o turno de palabra.

Aprendemos a aprender: formulámonos preguntas, manexamos diferentes repostas ante o mesmo problema.

Autonomía e iniciativa persoal: cooperamos para traballar en equipo, valoramos as ideas dos demais, dialogamos e negociamos, comunicamos ós outros as nosas decisións.

Competencia matemática: utilizamos o razoamento matemático e os cálculos precisos para resolver o problema.